OS VALORES CONTEMPORÁNEOS

laurence loppe

Laurence Louppe (1938-2012) definiu a danza contemporánea dende a individualización dun corpo e un xesto que fan da súa materia de traballo a realidade do propio corpo. A súa Poética da Danza Contemporánea descubre os seguintes valores permanentes na danza contemporánea a través de diferentes escolas dende finais do século XIX ata hoxe:

–          A individualización dun corpo e dun xesto sen modelo que descubre unha identidade ou un proxecto insubstituíble

–          A produción (e non reprodución) dun xesto (a partires da esfera sensible individual – ou en conexión fonda cos principios doutro)

–          O traballo sobre a materia do corpo e do individuo (de maneira subxectiva ou, pola contra, en acción de alteridade)

–          A non anticipación sobre a forma

–          A importancia da gravidade como impulso do movemento (xogar con ou abandonarse nela)

–          A autenticidade persoal

–          O respecto polo corpo do outro

–          A non-arrogancia

–          A esixencia dunha solución xusta e non soamente espectacular

–          A transparencia e respecto polas dilixencias e proxectos emprendidos

Poética da Danza Contemporánea, texto publicado no 1997 en Quadrille Publishing (Bruselas)é unha lectura imprescindible para entender a danza contemporánea.

Advertisements

O PESO

de Carmen Segovia

O peso é un dos grandes descubrimentos da danza contemporánea, non soamente como factor de movemento, dende unha perspectiva biomecánica, senón  como desafío poético primordial. […] Aceptar o peso e traballar con el como se traballa unha materia viva e produtiva constituíu o principio fundador da modernidade na danza. Laurence Louppe en Poética da Danza Contemporánea (Orfeu Negro, 2012)

Busca o traballo co peso da coreógrafa Karim Waehner no documental  l´Empreinte du Sensible (A pegada do Sensible).

A NOVA DANZA GALEGA

Na primeira década do século xurdiron en Galicia numerosas propostas emerxentes. O traballo feito polas salas alternativas e as escolas de artes escénicas na década anterior e un cambio na rota da política cultural, accionou a profesionalización do sector e dotouno de apoios. Ademais a mobilidade dos bailaríns posibilitou a aparición dunha xeración que hoxe contextualiza o seu traballo dentro das artes do movemento. Destacamos as propostas de La MacanaEntremánsDavid LoiraNuria SoteloPisando OvosUxía P. VaelloAmparo NovasAnuska Alonso e Mónica García (abaixo, na foto de Katy Carey).

A ORIENTACIÓN DA DANZA NO FIN DE SÉCULO

Pina Bausch (1940-2009) creou a danza-teatro sen estruturas narrativas nin lineais. A súa marca compositiva apoiouse na sucesión de cadros ou episodios que, como accións simultáneas ou imaxes impactantes, construiu a partires dos materiais dos seus bailaríns da Wupperthaler TnazTheater. As súas máis de cuarenta coreografías fan referencia continua ó movementos cotián e ós procesos psicolóxicos universais, que nas súas pezas clásicas como Cafe Müller ou A Consagración da Primavera, afondan no lado máis escuro do ser humano.

Carolyn Carlson (1943) califica a súa danza de “poesía visual”. O seu estilo acuático e fluído, apoiado na improvisación como base compositiva, caracteriza unha danza experimental dunha esencial beleza clásica.

Anna Theresa de Keersmaker (1960) posúe unha estética mínimal e exquisita. Coa súa compañía Rosas creou composicións matemáticas e minimalistas como Rosas danst Rosas, no que interrelacionan a danza co cine e o vídeo, e o interese polas formas orgánicas.

La la la Human Steps é unha compañía canadiense que ampliou o vocabulario de movemento da danza contemporánea cara unha potencia acrobática e unha estética acorde coa música rock. Hoxe investiga nas formas neoclásicas, moi alonxada dos seus inicios nos oitenta.

DV8 é unha compañía londinense dirixida por Lloyd Newson que sempre propón temas politicamente candentes. Emprega unha linguaxe – o teatro físico – que provén do xesto cotián, da relación co cine e a palabra, e a hibridación con diversos tipos de linguaxes corporais.

MERCE CUNNINGHAM

Con John Cage e Robert Rauschenberg.

Con Carolyn Brown en Suite for Five no ano 1958.

Merce Cunningham (1919-2009) foi un coreógrafo prolífico e un experimentador incansable. Consideraba a danza como unha arte totalmente autónoma que tiña como único referente os “feitos de movemento”. A súa danza oposta ó movemento narrativo, a proxección da fisicidade cara ó imposible, a intervención do azar na composición, a continua colaboración con músicos e pintores co obxetivo de crear acto escénico múltiple; son algunhas das liñas caractarísticas da creación de Cunninghan que abriu novos camiños ós coreógrafos da segunda metade do século XX.

MARY WIGMAN

Mary Wigman (1881-1973) foi a primeira que creou danza, só danza, autónoma e sen supeditacións á música ou a calquera outra arte. Para ela o esencial da danza era o corpo movéndose no espazo.

A bailarina alemá, influenciada polo expresionismo, asociou a arte á vida. Entendeu a danza como un medio creativo, como unha linguaxe viva que fala do ser humano.

ISADORA DUNCAN

Image

Isadora Duncan cambiou a danza coa vitalidade das súas ideas: a reivindicación da danza como arte, a busca do diálogo coas outras artes, o descubrimento do corpo libre en conexión co ritmo da natureza, a vinculación entre a liberación corporal, a persoal e social da muller, a relación entre o amor e a creación e, por último, a busca na literatura, na filosofía e na ciencia unha nova formulación da arte da danza, a muller e a sociedade.

Image

A súa ambiciosa teoría educativa baseada na busca da espititualidade, na comunicación anímica, na naturalidade do movemento e a beleza na preparación técnica, apoiábase na relación entre a arte e a natureza. As Isadorables (na foto), foron alumnas de Duncan que mostraron a súa concepción do movemento en teatros de Europa e América amosando o resultado do proceso educativo.

O CORPO POÉTICO. NOTAS SOBRE O CORPO NA TEORÍA TEATRAL DO SÉCULO XX

Ballet Triádico dirixido por Oskar Shelemmer no 1922 para a mítica escola da Bauhaus.

IN-I (2009) de Akram Khan e Juliette Binoche é un exemplo vixente da centralidade do corpo na actualidade máis mediática das artes do movemento.

Pina Bausch (1943-2009) en Cafe Müller (1978) investiga ó lado máis escuro, psicolóxico e desesperado do ser humano.

Un debuxo do teórico teatral Edward Gordon Craig (1872-1966) titulado Ofelia con flores (1921).

Peter Brook (1925) escribiu O espazo baleiro (1968). Brook explora as raíces da expresión física e a comunicación non verbal na busca dunha comunicación metafísica e xestual.

Einstein na praia (1976) é un enorme artefacto escénico dirixido por Bob Wilson, musicado por Philip Glass e coreografiado por Lucinda Childs, que uniu irremediablemente a danza, o teatro, a ópera, o concerto e a performance, constituíndo un fito na escena do fin de século.

O CORPO SUTIL. A ENERXÍA DO CORPO DANZANTE

Segundo a tese do ioga kundalini, existen sete centros psicolóxicos distribuídos ó longo do corpo, dende a base ata a coroa, que coa práctica de ioga poden activarse e desencadear grandes niveis de conciencia espiritual. Estes centros coñécense como lotos, padmas ou chakras (rodas).

Joseph Campbell (1904-1987), historiador das relixións e filósofo americano, escribiu sobre o mito e a súa importancia no comportamento humano. Dicía no seu libro Os mitos. a importancia dos ritos: “Os mitos son os soportes mentais dos ritos; os ritos as representacións físicas dos mitos. Ó absorber os mitos dun grupo social e participar dos seus ritos, o mozo estructúrase dacordo ó seu medio social, transfórmase dun amorfo producto natural, nun membro definido e competente dunha orde social específica”.